Santiago acollerá o evento final do proxecto europeo SusMilk

Nas xornadas do 22 e 23 de setembro exporanse as conclusións en prol dunha industria leiteira sostible.

Son obxectivos da conferencia entender como un enfoque sustentable pode facer máis competitiva a túa empresa, coñecer iniciativas institucionais de apoio para unha mellor xestión dos retos ambiental e de sustentabilidade, descubrir novas tecnoloxías e tendencias industriais para o uso eficiente de recursos no tratamento do leite, optimizar os teus aforros a través dun mellor uso da auga e a enerxía, ampliar a túa rede europea de contactos dentro do sector lácteo.

Sector estratéxico en Europa e Galicia

Na industria alimentaria europea, o sector lácteo representa o 13% do total da facturación e o 10% da taxa de emprego. Ademais, a industria láctea fornece produtos que favorecen a saúde e o benestar, axuda ao desenvolvemento sustentable das zonas rurais e contribúe a unha mellor xestión do territorio. Esta relevancia económica, ambiental e social fai da sustentabilidade un reto estratéxico para a industria.

Por tanto, as empresas necesitan entender como afecta a sustentabilidade á súa competitividade, como contribúe ao aforro de recursos e por que deben tela en conta no funcionamento e adaptación das súas tecnoloxías.

A conferencia final SUSMILK ‘Solucións para a fabricación sustentable de lácteos’ será unha oportunidade de coñecer as solucións, tecnoloxías e desenvolvementos sustentables para a fabricación de lácteo (Conferencias, Sesión de pósters e Visitas técnicas) , así como establecer contactos informais para intercambiar ideas e debater solucións (B2B matchmaking).

A conferencia está dirixida tanto á industria láctea europea, incluíndo a gandeiros e cooperativas, a asociacións, plataformas e clústers, a provedores de tecnoloxía, investigadores, administración, medios de comunicación especializados, e outra industria interesada na sustentabilidade.

Toda a información na web do proxecto SUSMILK